Wednesday 08 de May de 2024

Os centros cívicos abren o prazo de preinscrición para o seu programa de actividades socioculturais


Os interesados poderán realizar a preinscrición dende mañá, 8 de xaneiro, ata o día 10

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa da apertura do prazo de preinscrición para o programa de actividades socioculturais, de prevención e cooperación social que se desenvolverán ao longo deste ano 2015 na rede de centros cívicos municipais integrada por un total de 22 equipamentos distribuídos por toda a cidade.
As persoas interesadas en participar nas actividades deberán formalizar a preinscrición os días 8, 9 e 10 de xaneiro nos centros cívicos municipais. O sorteo público realizarase o sábado día 10 ás 20.15 horas e o listado publicarase o 21 de xaneiro. As inscricións serán os días 22, 23 e 24 e as actividades comezarán, progresivamente, a partir do 26 de xaneiro, expoñéndose nos centros cívicos as datas exactas de comezo e finalización de cada actividade en concreto. Os requisitos para participar poderán consultarse nos centros cívicos municipais da Concellaría de Servizos Sociais, na web www.serviciossociales.coruna.es, e no teléfono de información municipal 010.
Programáronse máis de 700 grupos de actividades periódicas e máis de 300 actividades puntuais que suman unhas 22.500 horas de programación para todas as idades en toda a rede de centros cívicos municipais. O presuposto da Concellaría increméntase nun 33% respecto a 2014 e un 81% respecto ao presuposto de hai dous anos, destinando 1.330.000 euros para o desenvolvemento desta iniciativa que inclúe accións como as seguintes:
– Cursos e talleres de iniciación e conversación en idiomas como inglés ou francés.
– Talleres para uso de novas tecnoloxías e a informática.
– Actividades formativas e de educación compensatoria (apoio escolar a menores, reforzo para estudantes de Secundaria e alfabetización de adultos).
– Actividades creativas, artísticas, musicais e escénicas como talleres de teatro ou baile.
– Actividades de artesanía e recuperación manual como os talleres de labores, de encaixe de palillos ou de manualidades.
– Actividades de psicoestimulación como talleres de memoria.
– Actividades de fomento de hábitos saudables como talleres de cociña e nutrición ou de bebidas saudables. Tamén se inclúen talleres de nutrición e cociña para persoas con intolerancias alimentarias como celíacos, diabéticos ou hipertensos.
– Actividades de mantemento físico e de fomento do envellecemento activo.
– Actividades destinadas a menores con necesidades educativas especiais e ás súas familias (talleres de cociña e nutrición; de aprendizaxe musical e psicomotricidade; e artísticos).